Que hai mellor que facer algo que che gusta despois de moito tempo? Iso era o que me pasaba pola cabeza mentres me aseguraba por quinta vez de que o dorsal estaba ben prendido, os cordóns ben atados e a goma do pelo ben apretada. É o ritual antes de competir. E despois, os nervios que desaparecen tan pronto soa o disparo de saída, o aire que entra nos pulmóns con cada alancada, as ideas fugaces que pasan pola túa cabeza mentres das voltas ao anel, a liña de meta que se achega e...
Este pasado fin de semana en Elviña (A Coruña), neses campionatos galegos tan diferentes aos outros, moitas sensacións regresaron a min. Todo foi un pouco estraño, nun estadio baldeiro de xente, sen bulicio, nin berros, nin risas, nin grandes apertas de emoción. Foi un pracer poder correr os 5.000 metros, aínda que fora sen o xentío e con menos corredoras que de costume. Eu vou contentísima con esa medalla de prata na miña categoría, moi ligada ás circunstancias. E parabéns a Isabel Caeiro por ese magnífico primeiro posto e a Gabriela Quintás polo terceiro.
Foi unha xornada diferente pero un gran regreso á pista. Porque para esas que nos gusta ir dun lado a outro para dar voltas a un óvalo, non hai nada mellor que correr entre xente que comparte a túa paixón polo que fas.
Ata pronto!
Comments