Hoxe tráiovos unha atleta desas cunha historia inspiradora, desas que te emocionan. Unha atletas que superou todas as barreiras do esforzo para ocupar o seu sitio entre as grandes. Hoxe tráiovos a unha das mellores atletas paralímpicas galegas, que xa ten o seu sitio nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2021. Desirée Vila comezou practicando ximnasia acrobática a moi alto nivel, pero unha caída e un erro médico cambiaron a súa vida para sempre pois tivéronlle que amputar unha perna. Tras probar varios deportes, en 2018 comezou co atletismo e dende aí chegou ao máis alto na velocidade e no salto de lonxitude. Fai tres anos publicou un libro autobiográfico, O único incurable son as ganas de vivir, no que narra a adaptación ao novo modo de vida. Aquí van as cinco preguntas e un consello de Desi Vila, desfrutade!
- De todos os deportes, porque elixiches atletismo?
Escollín o atletismo por casualidade, porque sabía que quería aprender a correr e un día o meu ortopeda púxome a prótese deportiva (ballesta) e comecei pouco a pouco. Despois coñecín un atleta paralímpico, ensinoume o CAR de Madrid e o seu grupo de adestramento e comecei con eles. Como me gustou moito propúxenme competir e así ata o día de hoxe.
- Cal cres que é a condición máis importante para ser unha boa atleta e porque?
Creo que é importante ser constante (non só para o deporte, pero para todo en xeral). Isto é esencial porque no mundo do deporte, sobre todo en alto rendemento, non sempre saen as cousas ben, hai lesións de por medio, momentos complicados, días sen motivación... é aí e cando máis importante é ser constante, e é o que marca a diferencia entre un bo atleta e un atleta normal.
- Como é unha semana típica de adestramento para ti?
Non hai semana típica porque depende de moitos factores: fase da temporada, se hai lesións, se hai competicións... Pero normalmente adestro 6 días á semana (descanso o domingo), tres deles son sesións de lonxitude, un deles de velocidade longa, outro de velocidade curta... En todos os adestramentos metemos técnica e parte de forza (ximnasio) e logo cousas como pliometría dependen do que buscamos en cada temporada.
- Cales son os teus obxectivos a respecto de Tokio 2021?
Os meus obxectivos: chegar en forma, facelo o mellor posible, posicionarme a nivel internacional e desfrutar da experiencia.
- Quen é a túa maior referencia no mundo do deporte?
Moitos deportistas, por exemplo Carolina Marín, Alfonso Cabello, Almudena Cid...
- Que consello lle darías a unha atleta que quere ter éxito no seu deporte?
Que busque un deporte que a apaixone, que non se compare, busque ser mellor cada día, esforzarse en cada adestramento, ter ganas de aprender e seguir mellorando, e pouquiño a pouco os resultados chegan.
Agardo que vos gustara, unha aperta e ata pronto!
コメント