Hoxe tráiovos unha atleta moi especial para min. Saleta foi a razón de que eu continuara correndo e non deixara o atletismo cando tiña nove anos. Escoitei ao meu adestrador falar dela cando aínda estaba comezando e foi a miña primeira referencia no mundo deportivo. Ter a oportunidade de coñecela nun momento no que eu tiña moitas dúbidas sobre se seguir adiante co de correr foi un punto de inflexión e abriume as portas a un mundo tan importante para min como o é o atletismo. Non podería estarlle máis agradecida. Así que aquí vai unha das nosas mellores atletas galegas, a nivel nacional e internacional, Saleta Fernández.
- Cando empezaches a facer atletismo e porqué?
Empecei a facer atletismo cando ía no colexio, en cuarto máis ou menos, pola chegada dun profesor que era un apaixonado do atletismo. Empezounos a contaxiar esa paixón e creou o clube e comecei aí, correndo carreiras populares e crosses. Despois xa pasamos á pista, tamén facía un pouco de todo, pero logo, despois duns anos, especialiceime en salto de altura.
- Cal é o mellor recordo que tes relacionado co deporte?
O mellor recordo que teño, bueno, teño moitos, pero quizais os dous mellores son: a miña primeira medalla absoluta, porque foi a prata e compartía o podio con Ruth e xusto foi o ano que comecei a adestrar con ela e para min compartilo con ela foi, a verdade, moi especial; e tamén o meu primeiro internacional na categoría xuvenil en Utretch, aí foi onde decidín apostar máis polo atletismo porque iso foi en 2013 e antes digamos que facía atletismo un pouco por xogar, dúas horas semanais ou así, e logo xa me fun para Pontevedra.
- Cal é a túa próxima meta deportiva?
Pois metas deportivas teño unhas cantas a curto prazo, e logo por suposto a longo prazo. As de curto prazo este ano son gañar ambos nacionais, tanto de pista cuberta como de aire libre e acudir ao campionato de seleccións coa selección absoluta.
- Que está a ser o máis difícil de adestrar durante a pandemia?
Pois agora, adestrar durante a pandemia estase levando bastante ben, por suposto con medidas de seguridade, temos que adestrar en grupos máis reducidos, pero digamos que podemos adestrar case con normalidade. O máis complicado está a ser o tema de competicións, encontrar onde competir, porque moitos sitios non están organizando, onde organizan non deixan competir á xente de fóra, entón está sendo un pouco caótico nese aspecto.
- Cal foi a cousa máis rara ou graciosa que che sucedeu durante unha competición ou adestramento?
Pois a verdade e que creo que non me pasaron moitas cousas raras... Si que tiven moitas caídas graciosas e todo iso, pero raras creo que non... Unha vez confundíronme con Ruth Beitia uns nenos pequenos adestrando e, en competición, o que máis me chocou foi unha vez, era a primeira vez que eu ía competir nun campionato de España, e eu non tiña clavos de salto de altura, porque eu empezara facía pouco a facer salto de altura. Entón tiven un problema cun xuíz en cámara de chamadas que me comezou a dicir “pero como vas saltar con isto...”, a verdade e que foi raro, e eu recordo saír como case chorando á pista porque, claro, eu era unha nena pequena, era cadete de primeiro.
- Que consello lles darías aos/ás deportistas máis nov@s que están a comezar co atletismo?
Consello, quizais o que dicimos moitos, que o importante é desfrutar. Eu deime conta un pouco tarde, máis ben cando cheguei aquí a Santander, que mo dixo Ruth, a importancia de baixar todos os días a adestrar cun sorriso na cara, vou facer o que me gusta, vou desfrutar deste adestramento e non crear esa presión de vou facer este adestramento pensando moito en render ou en obter algo senón máis en desfrutar do camiño.
Agardo que vos gustara.
Unha aperta e ata pronto!
Comments