top of page
Writer's pictureireaferreiro

Correr durante o coronavirus



Algunhas situacións aparecen inesperadamente, entran nas nosas vidas sen petar na porta e quedan sen dicir até cando. Así, unha realidade que fai uns meses semellaba ciencia a ficción entrou no noso día a día como un tornado e puxo todo patas arriba.


O coronavirus fíxonos apreciar moitas cousas que antes dabamos por sentadas, cousas tan sinxelas como saír das nosas casas, darlle unha aperta a unha amiga ou adestrar cun equipo. A pandemia foi un reto de adaptación sen precedentes, e, quen tivo que adaptarse máis que as e os deportistas.

Tivemos que renunciar á tempada (que ficou interrompida), aos adestramentos colectivos, a correr con amig@s... Tivemos que nos poñer creativas dentro dos nosos fogares durante o confinamento e recuperar o ritmo de traballo o antes posible en canto nos deixaron poñer o pé fóra da casa.


Eu volvín dos Estados Unidos un tanto ás présas cando a situación aquí xa era ben preocupante. E dende aquela comezou o meu mes e medio de confinamento. Non foi fácil, iso xa o sabedes vós, estar metidos na casa tanto tempo. E máis para nós, atletas, afeitas a andar por fóra e activas. Eu procurei manterme ocupada e activa dentro do posible, pero no espazo reducido dun piso urbano non foi tarefa doada. E aquel día que nos dixeron que por fin podíamos saír un ratiño a correr eu non cabía en min de alegría. Pouquiño a pouco fómonos adaptando a esta nova normalidade e a estas novas circunstancias, mais aínda queda camiño por percorrer ata que o atletismo, o deporte e a vida en xeral volva a ser o de antes.


En tempos difíciles hai que ser positivos, para non virnos abaixo, e realistas, para que as circunstancias non nos pillen por sorpresa. Eu quero ser positiva na esperanza de que todo isto irá mellorando, que pronto estaremos competindo de novo e adestrando con completa normalidade. Tamén quero ser realista, gardando as medidas de precaución e dándolle a esta extraordinaria situación a importancia que merece.


Unha aperta e ata a próxima!

24 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page