Como corredoras sabemos apreciar o valor do aire que respiramos, a auga que bebemos, os camiños que percorremos ou o ceo sobre as nosas cabezas. Sabemos valorar un planeta do que inevitablemente formamos
parte e que nos entrega todo o que necesitamos.
Dende fai anos, o noso mundo tomou un rumbo perigoso. As fábricas, os vehículos, as centrais nucleares, a iluminación descontrolada... están causando un impacto natural moito máis alá do que percibimos.
Vertidos, polución no aire, contaminación luminosa, efecto invernadoiro, subida do nivel do mar, extinción masiva e fenómenos meteorolóxicos extremos son xa unha realidade. A media de lixo xerado ao día por persoa en Europa son 1,5 kg (sendo o 60% plástico), o transporte é responsable dun terzo das emisións de dióxido de carbono á atmosfera cada ano e as enerxías renovables están lonxe de interesar ás grandes multinacionais. E iso é tan só a punta do iceberg. Os datos son cada vez máis dramáticos co paso do tempo e parece que non queremos darnos conta.
O lixo que xeramos, os vehículos que conducimos e as miles de industrias que manufacturan os produtos que consumimos contribúen cada día a destruír o delicado equilibrio no que se basea toda a nosa vida.
No nome do progreso e do lucro o ser humano está iniciando un proceso de autodestrución que pronto podería ser irreversible.
A este ritmo, dentro de pouco xa non teremos un planeta polo que correr. Nas nosas mans e na nosa voz está o cambio!
Comments