Correr é o enlace con quen son e con quen fun.
Con quen son porque fai que a mente e o corpo, o interior e o exterior, entren en completa sintonía. Cando corro, ambos interactúan da forma máis pura e sinxela posible, sen adornos nin ornamentos. Como dicía Ortega y Gasset eu son eu e as miñas circunstancias. Correr é o momento que máis se achega a illarme das miñas circunstancias e, por tanto, o que debe quedar son puramente eu. Creo que todos necesitamos de cando en vez volver a ese “simplemente eu” dalgunha forma. Para min correr.
Con quen fun porque me une a xeracións e xeracións atrás, moito máis lonxe do que calquera persoa pode recordar, ata o principio dos nosos tempos. Correr como forma máis rudimentaria do movemento non só é unha conexión indiscutible cos nosos devanceiros senón que apela á nosa mesma esencia animal, á natureza da que saímos é a que sempre volvemos.
Para cada persoa correr ou o atletismo significa algo diferente e persoal:
“A verdade é que para min o atletismo significa unha parte moi importante da miña vida. Comecei con once anos e dende aquela foime gustando cada vez máis. Compaxinaba o fútbol co atletismo pero ao final decanteime polo marabilloso mundo do atletismo, dende esas funme formando como persoa e sempre desfrutando do que facía. A persoa que me ensinou este mundo foi Felipe Barata, o meu actual adestrador, a quen lle estou eternamente agradecida, tamén aos meus compañeiros cos que cada día comparto os adestramentos. Así que espero seguir podendo desfrutar do atletismo aínda que sexa nesta nova normalidade que se asoma”.
- María Carballido
“Fai dez anos que descubrín o atletismo. Agora, con vinte anos é parte do meu día a día. Para min é unha forma de desconexión, de superación, esforzo e constancia, de dar o mellor de min, de experiencias incríbeis, de viaxar facendo o que máis me gusta e coñecer a persoas incríbeis”.
- Raquel Meaños
“Eu teño algunhas formas diferentes de interpretar correr. Correr é unha forma de despexar a miña mente e unha cousa que podo manter constante. Durante carreiras e adestramentos é difícil, pero a sensación despois do traballo duro perece a pena, é unha das mellores sensacións”.
- Saundra Parsons
“Para min correr é como unha terapia, cando todo no mundo parece ir mal ou a vida me estresa, o único que me calma é saír a correr. Correr dáme determinación e liberdade, liberdade para ser a mellor persoa que poda. Correr recórdame a importancia do traballo duro, sempre vale a pena ao final, así que nunca te rindas”.
- Cammeo Ramirez
“O atletismo para min significa moito porque é como unha droga, que cando a probas engánchaste (normalmente) e a min pasoume con este deporte, que para min non é un deporte senón unha forma de vida. Facer atletismo fíxome confiar en min e aprender a sufrir, non só no atletismo senón na vida, e que todo ten un sacrificio”.
- Carolina Santos
“Cando fago atletismo, por un momento esquezo todos os problemas que me rodean. Pero este deporte non só me axuda a esquecer senón que tamén me ensinou moitas cousas como a importancia do compañeirismo e o verdadeiro significado do esforzo”.
- Ana Vallines
Que é o atletismo para ti?
Comments