“Zegama é Zegama” dixo Kilian Jornet, nove veces campión da maratón alpina Zegama-Aizkorri. E canta razón tiña! Porque Zegama é única.
Esta pequena vila guipuscoana, perdida no medio dos montes vascos pode semellar un lugar tranquilo e sen moita emoción á primeira vista, mais non vos deixedes enganar... Cada ano Zegama convertese no destino estrela dos amantes do trail running de todo o mundo. O percorrido da Zegama-Aizkorri consta de 42 km con 2.736 m de desnivel positivo e unhas paisaxes como eu nunca antes vira. Cada edición o melloriño dos atletas internacionais loitan nesta durísima proba, máis este ano o coronavirus estragouno todo. De calquera xeito, eu decidín non conformarme e aproveitar a oportunidade para unha pequena escapada a Euskadi e facer unha camiñada pola montaña.
Tras sete horas na estrada, Zegama espertou o mércores pola mañá cuberta pola bruma. Ao meu redor case non se vía nada pero a iso do mediodía, cando a néboa lle deixou paso ao sol, unha paisaxe espectacular abriuse diante dos meus ollos. Picos rochosos, coma titáns dende as alturas; faiais ata onde alcanza a vista; cabalos e ovellas na máis absoluta liberdade e unha sensación máxica que me percorría o corpo. Aló no cume, por riba das nubes, todo semellaba tan pequeno, e facíame darme conta da miña propia fraxilidade fronte á natureza que me rodeaba.
Non vos vou mentir, a ruta era a máis dura que nunca fixen, aínda que tamén a máis fermosa. Foi un día longo e intenso, pero soubo a pouco porque tanto Zegama como as vilas que a rodean teñen infinitas historias que ofrecer, camiños polos que perderse e recunchos máxicos que descubrir. Quedaron tantos outros percorridos que nos meus curtos tres días en Euskadi non puiden camiñar ou correr. Mais agora teño unha escusa para volver, non si?
Dicía John Muir que “as montañas están chamando e eu teño que ir”, pero este lugar chama cunha voz especial, porque este lugar é único. Zegama é Zegama.
Unha aperta e ata pronto!
コメント