top of page
Writer's pictureireaferreiro

Atletismo en Estados Unidos

Fai arredor dun ano e medio embarquei nunha aventura persoal, académica e tamén deportiva. Conseguín unha beca da Fundación Amancio Ortega para estudar primeiro de bacharelato nos Estados Unidos.


A casualidade fixo que fora parar ao estado de Oregón, un estado cunha cultura do atletismo e do deporte ao aire libre como poucos outros. A cidade de Medford e o instituto, North Medford High School, foron as testemuñas das miñas andanzas polo mundo do deporte americano.

Unha das primeiras cousas que decidín despois de cruzalo océano foi unirme ao equipo de Cross-Country do instituto e esta foi unha das mellores decisións que tomei. A adaptación levou un tempo pois o volume de adestramento e competición era máis do que estaba acostumada. Ademais, eu era unha inexperta no funcionamento e as dinámicas do atletismo nesta parte do mundo. Aquí teño que agradecerlle ás miñas compañeiras e compañeiros de equipo e ás miñas adestrador@s (Pieter Voskes, Dave Formolo e Ashlynn) a súa inesgotable paciencia.


O esforzo valeu totalmente a pena. O deporte escolar americano crea un ambiente completamente embriagador e absorbente, que irradia enerxía e emoción en todas as direccións. Dende os nervios de pre-distritos, pasando por todas as pequenas competicións, o viaxe a San Francisco, as vitorias, as risas, as decepcións, as últimas carreiras en distritos e o peche de tempada, esta experiencia axudoume a medrar como atleta.

Rematei a tempada de Cross-Country cunha lixeira molestia no xeonllo dereito, que resultou ser nada tras un par de semanas de descanso. Non foi moito despois de Acción de Gracias que comezou o adestramento de inverno, para prepararnos para a pista. Tan emocionada estaba eu que, nun claro acto de irresponsabilidade, forcei demasiado a locomotora e rematei por lesionarme no tibial esquerdo. Aquí comezaron as visitas constantes á médica escolar, as consultas ao meu adestrador e, un pouco tamén, a frustración. Atopábame ás portas da tempada de pista e case non podía adestrar. A dor ía en aumento tan pronto como intentaba recuperar a normalidade e as incesables horas de xeo e exercicios non parecían solucionar definitivamente o problema.

Presentábanseme uns meses de manter o equilibrio entre a competición, o adestramento e a lesión. Mais o mundo é irónico e a veces funciona de maneiras insospeitadas. Aparece o coronavirus e con el o meu pronto regreso a Galiza, o que me separou repentinamente do deporte estadounidense e me deu tempo para recuperarme da lesión na casa.


A miña experiencia atlética americana foi, aínda que máis curta do esperado, inesquecible. O equipo que me acompañou e apoiou todo o camiño; os adestradores e adestradoras, que me ensinaron e comprenderon; e, a miña familia de acollida, que incentivou a miña participación deportiva, foron as claves da experiencia. Non podería estar máis agradecida.

Unha aperta e ata a próxima!

44 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page