Sendo esta a primeira entrada deste blog, faría ben en presentarme e comezar de cero. Chámome Irea, teño 16 anos e son atleta. Encántame o aire libre en todos os sentidos posibles pero podería dicirse que o meu é correr. Mais, por favor, non vos enganedes; non teño ningunha aspiración olímpica nin nada polo estilo. Simplemente gústame moito o que fago e, como sempre di meu pai, "elixe o que te faga feliz e intenta ser boa no que fagas”.
Comecei esta aventura deportiva aos oito anos e dende aquela o atletismo converteuse nunha parte inseparable do meu día a día. De feito, a estas alturas creo que o deporte enraizou tan profundamente en min que non é posible separar a Irea atleta do resto, de algunha forma compleméntanse. Para min, saír a correr é a mellor forma de comezar ou rematar o día, liberar estrés dos exames ou simplemente evadirse de todo o que nos preocupa. Pero tamén me ensinou a cultura do esforzo e do sacrificio, a competitividade sa e o non renderse nunca. Como dicía Babe Ruth: “É difícil vencer a unha persoa que nunca se rinde”.
Dende o momento cero comecei con probas de medio fondo e sobre todo fondo (porque son unha mediocre velocista!). Fun pasando por diferente clubes que me foron abrindo os ollos a todas as posibilidades que o atletismo tiña para ofrecerme. A medida que fun medrando, a miña paixón por correr foi en aumento, pero tamén a miña falta de tempo. Os estudos limitaron enormemente a miña vida deportiva, privándome en certos momentos de adestramentos e competicións. Pero as prioridades son as prioridades. Hoxe, con ollos postos no comezo de segundo de bacharelato, pretendo non deixar que iso volva a ocorrer.
Arredor dos trece anos, incentivada pola explicacións da miña profesora de bioloxía, decidín facer un cambio radical na miña rutina alimentaria. Ata ese momento comía variado e san, pero ocasionalmente non me privaba de golosinas ou comida rápida. Tomei a decisión de cortar de raíz todos os hábitos alimenticios que consideraba prexudiciais e comezar unha dieta máis saudable. Agora, despois de tres anos, estou convencida de que foi a decisión acertada.
A idea deste blog xurdiu de querer compartir as miñas experiencias con todas e todos os atletas coma min e transmitir o que máis me gusta. Vai dirixido principalmente ás corredoras e corredores da miña idade, pero agardo que todo o mundo atope aquí algo que sexa do seu agrado. Teño que ir descubrindo como funcionan estas cousas polo que calquera comentario, crítica, opinión ou suxerencia serán máis que benvidas.
Unha aperta a todas e ata pronto!
Σχόλια