Unha ou un atleta está feita de experiencias e circumstancias. O compañeirismo, o apoio, os consellos; en resume, o equipo, fai a toda corredora quen é. E eu, coma moitas outras atletas, teño moito que agradecer aos equipos polos que pasei, aos meus compañeiros, compañeiras e adestradores. Sen eles eu sería diferente, non sei en que sentido, pero definitivamente diferente.
Comecei a xornada deportiva no Atletismo Friol, ao que sempre lle terei un cariño especial por ensinarme como funciona este noso deporte e por axudarme a medrar aínda na inexperiencia dos primeiros momentos.
Tras unha breve etapa na Agrupación Atlética Mazí, agora son parte do Atletismo A Estrada, baixo o adestramento de Marcos Otero. Con eles van catro anos xa (cun breve intervalo de ausencia esta pasada tempada) cheos de experiencia atlética, risas e boas lembranzas.
Por último, este pasado ano escolar tiven a sorte de conseguir unha beca para estudar en Estados Unidos, no marabilloso estado de Oregón, e fun parte do equipo de Cross Country e Track&Field de North Medford High School. Un equipo que me acolleu como a unha máis da familia, que me ensinaron, apoiaron e introduciron no máis puro do deporte americano.
Sen toda esta xente, non tería chegado a ser a atleta que son e pensei que merecían unha mención especial neste blog.
Unha aperta e ata pronto!
Bình luận